XEOGRAFÍA FÍSICA

 

Medio xeográfico e cultura

Para falar dunha cultura cómpre comezar polo medio xeográfico no que se desenvolve, non porque a determine, senón porque a condiciona.
O medio xeográfico ofrece unhas posibilidades para a alimentación, para os símbolos, para a medicina e desas posibilidades cada cultura escolle as que lle parecen máis axeitadas.
Galicia ocupa o extremo noroccidental da Península Ibérica, foi finis terrae para os romanos e a través do Camiño de Santiago sentou as primeiras bases da unidade europea.
A súa extensión é de 29.425 km, o 5,8% da superficie de España.

Orografía.

Entre os conxuntos montañosos máis importantes destacan as grandes serras surorientais onde podemos encontrar as montañas máis altas de Galicia. O río Sil divide este conxunto en dous sectores; o sur con Cabeza de Manzaneda (1.778 m) e Pena Trevinca (2.124 m), pico máis alto de Galicia e o norte con serras de menor altitude como O Courel, Os Ancares e Meira.. Outras montañas galegas pertencentes a outras serras apenas pasan dos 1000 metros.

Hidrografía

Os maiores ríos galegos desembocan no océano Atlántico. Galicia é o país dos 1.000 ríos. Esta cantidade débese ás chuvias invernais e ós numerosos mananciais e fontes.
Os ríos galegos caracterízanse por: abundante caudal, como consecuencia das chuvias e da configuración do relevo; réxime regular, debido ás precipitacións que proporcionan un réxime constante durante todo o ano e un curso curto pola proximidade entre as montañas e o mar. O Miño é o máis longo dos ríos e non pasa de 350 quilómetros.
Nos ríos galegos practícase a pesca de salmóns, troitas, anguías. Como actividade económica a pesca ten certa importancia nos ríos Miño e Ulla.
Os ríos galegos que verten as súas augas ó mar Cantábrico son de réxime irregular, con grandes desniveis e alta capacidade corrosiva. Entre eles destaca o río Eo, que fai fronteira coa veciña Asturias. No océano Atlántico desembocan ríos como o Eume, o Tambre, o Ulla, o Lérez e o Miño o maior de todos eles co seu afluente o Sil, o río máis caudaloso de Galicia. Hai outros que nacen na nosa terra e que seguen o seu curso por Portugal, entre eles destacan o Támega e o Limia.

Costas

O litoral galego está bañado polo mar Cantábrico e o océano Atlántico. Son as costas máis articuladas da Península e poden clasificarse en tres grupos; Rías Altas, costas encaixadas entre escarpadas serras. Van de Ribadeo a Ortigueira. Estas rías son coñecidas polos seus acantilados. Nalgúns casos, as montañas chegan ata o mesmo mar formando os maiores acantilados da Europa occidental, como é o caso da Capelada superando os 600 metros e converténdose nun espectáculo natural sen igual; Rías Medias, menos abruptas, van de Cedeira a Corcubión e Rías Baixas de grandes proporcións, grandes portos naturais e relevo suave, van de Muros a Vigo.
Entre as illas galegas destacan a Illa de Arousa, a maior de todas elas, que é poboada constantemente por unhas 5000 persoas. Pola súa beleza natural as Illas Cíes, Ons e Sálvora, que forman o Parque Natural das Illas Atlánticas, son as máis destacadas.

Gradación climática

O tempo en Galicia é, en xeral, húmido e de temperaturas suaves, como corresponde a un clima de transición entre o clima oceánico e o mediterráneo, ó estar Galicia situada nunha zona intermedia entre ambos climas e por encontrarse na fachada occidental dun continente. Así, case todo o litoral ten características propias do clima oceánico con temperaturas que oscilan entre os 10 e os 25 graos centígrados, mentres que gran parte do interior ten un clima oceánico-continental con temperaturas máis duras que poden oscilar entre os 10 graos baixo cero no inverno ata os 40 no verán.

Vexetación

A clase de terra e o clima de Galicia son axeitados para os vexetais. Temos moita riqueza de especies de plantas, das que non todas teñen aproveitamento cultural. Hai algunhas que se aproveitan para a medicina popular, outras que se usan no San Xoán, coas que se prepara unha auga purificadora coa que se toma baño na mañá do día seguinte, outras para condimentar alimentos, outras especies que só se usan para facer lume.
A flora actual de Galicia está composta por máis de 2000 especies diferentes. Galicia está nun lugar de transición entre dúas rexións florísticas da Terra, a eurosiberiana e a mediterránea. Pola primeira correspóndelle bosques de folla caduca e pola outra bosques de folla perenne. Os dous tipos de bosque danse en Galicia moitas veces mesturados. Aínda así, a vexetación actual galega débelle á acción do ser humano a súa localización, límites, composición e textura. Desde o século XVII os bosques galegos sufriron devastadoras cortas para facer carbón vexetal e para fornecer os estaleiros e coa chegada do ferrocarril para construír as vías. Coa repoboación forestal de piñeiros e eucaliptos, a vexetación autóctona sufriu outro duro golpe.
Entre as unidades de vexetación destacan as fragas ou bosque mixto, restos da paisaxe natural galega; as carballeiras, que constitúen o bosque máis típico de Galicia; os soutos ou castiñeirais co seu froito, a castaña, que representou boa base da alimentación doutros tempos; os piñeirais, que ocupan considerables extensións na Galicia occidental e que se foron introducindo continuamente, desde o século XVIII, ó irse esgotando as reservas madeireiras tradicionais e os eucaliptais, que empobrecen os solos e que se comezaron a introducir, polo seu rendemento económico, hai século e medio. Ademais disto, hai moito monte baixo formado por xesteiras, toxeiras, uceiras..., ocupando a cuarta parte do solo galego e a vexetación das ribeiras dos ríos característica dos vales fluviais.
Pódese ver a paisaxe galega como un todo con estas características xerais: unha área de formación xeolóxica arcaica - granitos e xistos cristalinos - envolta nun clima húmido, decorado por densa e continua vexetación e sometido a unha intensa e secular humanización.

DEMOGRAFÍA

O censo de 1998 di que Galicia ten algo mais de 2.725.000 persoas, o cal certifica que Galicia vén perdendo poboación nos últimos anos, mentres que España cerca dos 40.000.000 millóns vai aumentando moi timidamente.
Preto das tres cuartas partes do total dos habitantes galegos vivían no campo, repartidos en numerosas e pequenas entidades de poboación. Por causa da crecente industrialización dalgunhas zonas, estase transvasando a poboación desde o campo ás áreas industriais, de xeito que o desequilibrio anterior entre poboación urbana e poboación rural vai descendendo.
A emigración é un feito que ten influído e moito no conxunto da poboación galega. Galicia é a comunidade Autónoma de España con maior número de emigrantes. En 1998, 805.000 galegos residían no estranxeiro, sobre os pouco máis de 2.100.000 españois.
En América, Arxentina concentra o colectivo maior (290.000), seguido de lonxe por Venezuela e Brasil (100.000). En Europa países como Alemaña (90.000), Suíza e Francia (55.000) foron os países escollidos polos galegos para emigrar.
A este conxunto, hai que engadir os 625.000 galegos que viven noutras cidades de España, concentrándose principalmente en Cataluña e Madrid (150.000) e Asturias (80.000). A suma total dos galegos residentes noutros países e noutras rexións de España representa mais do 50% da poboación total dos residentes en Galicia e o 33% do total dos galegos vivos.
Aínda que se está producindo un descenso de poboación, o número de habitantes no último censo duplica o rexistrado en 1787 que era de 1.350.000, é o paso dunha situación característica do Antigo Réxime, con taxas de natalidade e mortalidade altas e un débil crecemento demográfico, á situación actual cunha taxa de mortalidade menor pero tamén de natalidade o que leva a un lento descenso de poboación, a un crecemento vexetativo negativo. Nos anos 60 tamén se dera un descenso de poboación mais a causa era a da emigración (39% da total en España). Europa ten unha poboación envellecida e Galicia está aínda por debaixo da media. As causas actuais están no cambio de valores sociais e culturais, a transformación profunda da cédula familiar, a planificación familiar e o control de natalidade. Inflúe sen dúbida, a inseguridade ante o futuro, as escasas expectativas de estabilidade laboral, os problemas da muller para compatibilizar maternidade e desenvolvemento profesional, a carestía da vida...
As características da poboación galega, son pois, o progresivo envellecemento (taxas de natalidade moi baixas e decrecentes e taxas de mortalidade estacionarias desde hai décadas) e unha distribución irregular (mais poboadas as zonas costeiras - máis industria - e algúns vales do interior e menos poboado o resto do territorio).
En Galicia por cada 100 mulleres hai 93 homes e isto débese á maior esperanza de vida destas, ó que teríamos que engadir a emigración, que afectaba especialmente os homes. Nacen máis homes que mulleres pero son máis numerosas na idade adulta polos factores apuntados.
O poboamento en Galicia e ben espallado. Non hai aldeas grandes a moita distancia, senón pequenos grupos de casas preto unhas das outras. Os grupos de pouquiñas casas chámanse lugares; os grupos máis grandes chámanse aldeas. En Galicia hai 21700 aldeas, 7215 lugares. Como cidades podemos considerar Vigo (360.000), A Coruña (330.000), Santiago e Ourense (100.000) e Lugo (80.000). As vilas fican a medio camiño entre as cidades e as aldeas. A tendencia é a que as aldeas e as casas illadas (en 1970 eran 2680) desaparezan e se concentre a poboación nas cidades e vilas existentes que ofrecen máis posibilidades de traballo, xa que o medio rural e a agricultura de subsistencia parecen ter os seus días contados. En 1970 o 66% de poboación vivía entidades menores de 1000 persoas. Hoxe a tendencia é outra polas razóns apuntadas.

 
linha.gif (852 bytes)
CELGA - Centro de Estudos da Língua e Cultura Galegas

Biblioteca Central UFBA - Rua Barão de Geremoabo, s/n - Campus Ondina
CEP 40170-290 - Salvador (BA) BRASIL - e-mail:
celga@ufba.br
Fone: + 55 (0)71 2636257 - Fax: + 55 (0)71 2636208